Wednesday 08 de May de 2024

Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo presentarán iniciativas no Congreso dos Deputados para reclamar melloras na N-550 ao seu paso por Ordes


Ambos deputados comprobaron esta mañá o pésimo estado de conservación da estrada Nacional e situacións de inseguridade viaria nos núcleos da Vila de Ordes e o Mesón do Vento

Os deputados nacionais socialistas Paloma Rodríguez Vázquez e Miguel Anxo Cortizo Nieto presentarán iniciativas no Congreso dos Deputados para esixir melloras na N-500 ao seu paso por Ordes. Así o anunciaron ambos deputados despois da visita realizada esta mesma mañá a Ordes, na que estiveron guiados polo secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira.

Os deputados socialistas puideron comprobar sobre o terreo os múltiples desperfectos e problemas de seguridade viaria que presenta a N-550 ao seu paso por Ordes. Paloma Rodríguez denunciou “a deixadez do Partido Popular coa N-550, unha estrada vital para un municipio como Ordes e que está moi desatendida. Non se están facendo as reparacións que esta estrada precisa e non se están tomando as medidas que garantan a seguridade viaria tanto de peóns coma de condutores. Ogallá non haxa que esperar a que ocurra unha desgraza para que se tomen as medidas necesarias”.

Pola súa banda, Miguel Cortizo criticou que “haxa cartos para rescatar as radiais de Madrid, que foron un negocio montado sobre datos ridículos, e logo non os haxa para arranxar unha estrada vital para o desenvolvemento do eixo Santiago-Ordes-Coruña, xa que prexudica non só a mobilidade da veciñanza senón tamén ao sector comercial nunha época de crise económica”. De feito, ao comprobar que do medio da N-550 brotaba auga, Cortizo lamentou que “é máis doado que este manancial se transforme na Fonte de Lourdes a que Fomento arranxe este tramo”.

Desperfectos da N-550

O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, acompañou aos deputados durante o seu traxecto, amosándolles sobre o terreo os múltiples desperfectos presentes tanto na N-550 coma nas súas vías de servizo. “Por moito que se tapen unhas cantas fochancas ou se pinten de novo os pasos de peóns, a N-550 precisa dunha actuación de reparación integral”, denuncia Xesús Pedreira, “pois hoxe os deputados puideron comprobar como en moitos tramos de estrada xa non hai sequera o aglomerado, con zonas sen pintar e mesmo agora ata xurde auga do medio da estrada á entrada do Mesón do Vento”.

Ademais, Pedreira insistiu especialmente nos problemas de seguridade viaria existentes na entrada da Vila de Ordes, na travesía Alfonso Senra, e que a Agrupación Socialista de Ordes vén denunciando dende hai anos. “A estreitez das beirarrúas impide non só a circulación de calquera carriño de bebé ou de calquera persoa en cadeira de rodas, senón que incluso os que poden ir facendo equilibrios por esas estreitas beirarrúas teñen que ir con ollo, pois non é o primeiro que resulta golpeado polo espello retrovisor dun camión”, explica Pedreira Mirás.